Quilombo dos Palmares
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
O Quilombo dos Palmares foi posibelmente o máis grande quilombo formado no Brasil, sendo dirixido polo escravo fuxido Ganga Zumba, e despois polo seu sobriño, o cal ficou coñecido por Zumbi ou Zumbi dos Palmares.
Quilombo é unha palabra de orixe africana, da lingua quimbundu, que pasou a designar no Brasil aos locais de vivenda e de resistencia dos escravos que fuxían das plantacións e do dominio dos seus señores. Morando xuntos ou próximos e baixo a organización dun líder, posibilitáballes enfrontarse con armas aos mercenários dos terratenentes (chamados capitães do mato) e ata mesmo a tropas organizadas. No caso de Palmares, o Quilombo estaba composto por varias aldeas, algunhas separadas por quilómetros de distancia. Non era unha grande aldea superpoboada, como se acostuma imaxinar.
Comezo do Quilombo dos Palmares
[editar | editar a fonte]Os primeiros rexistros do Quilombo son de 1580 e dan conta de pequenos campamentos formados por escravos fuxitivos na rexión da Serra da Barriga, un lugar de acceso relativamente difícil, que era usado polos ex-escravos para agocharse.
Pero o crecemento deste quilombo comezou a darse cando, debido á Unión Ibérica (na cal Portugal e as súas colonias pasaron a dominio de Filipe II de España), o comercio de azucre cos neerlandeses viuse prexudicado, e estes decidiron invadir o Nordeste brasileiro. Coa invasión, moitos escravos aproveitaron para fuxir, mentres outros recibiron a promesa de libertación se loitaban contra os invasores holandeses.
A estruturación
[editar | editar a fonte]O quilombo tornouse primeiro un lugar de resistencia ao invasor holandés, baixo o liderado de Ganga Zumba. Medrou ata o punto de estenderse desde o Cabo de Santo Agostinho, en Pernambuco, ata o Río São Francisco, nunha área cuberta por palmeiras (por iso o nome Palmares). Os escravos organizaron un verdadeiro estado, baixo moldes africanos, co quilombo constituído por varias poboacións, gobernado por líderes locais baixo a xefatura suprema de Ganga Zumba.
Despois da expulsión dos holandeses en 1654, novos escravos foron traídos ao Brasil para as plantacións de cana de azucre. Estes, cando fuxían, refuxiábanse en Palmares. Así, as incursións de terratenentes e de tropas en busca deses escravos no quilombo tornáronse frecuentes. Os quilombolas (moradores do quilombo) puideron repeler estes ataques grazas á súa organización de loita, creada por Ganga Zumba, na forma de guerrillas.
O sobriño de Ganga Zumba, Zumbi (nado quizais en 1655 no quilombo) foi capturado aínda xóven polos portugueses para ser escravo, pero máis tarde, cuns 15 anos de idade, conseguiu fuxir. De aí viña a desconfianza na palabra dos portugueses.
En 1677, Fernão Carrillho ofreceu un tratado de paz aos quilombolas, recoñecendo a liberdade dos nados no quilombo e dándoles a posesión dunhas terras pouco fértiles unha vez que aceptasen o dominio portugués. A oferta provocou unha gran división no quilombo, pois a maioría non o aceptou, pero algúns si. Esa división culminou co envelenamento de Ganga Zumba e a asunción de seu irmán Ganga Zona, aliado dos portugueses. Pero isto non puxo fin ao conflito, e a maioría dos negros volveu a Palmares, xa baixo a lideranza de Zumbi, polo recoñecemento do seu valor persoal e combatividade.
A lideranza de Zumbi
[editar | editar a fonte]Inicialmente Zumbi substituíu a defensiva táctica de guerrilla por unha estratéxia de constantes ataques sorpresa ás plantacións de cana, libertando escravos e apoderándose de armas e outros materiais que puidesen ser útiles para novos ataques.
Co tempo comezou a desenvolverse un comercio entre quilombolas e colonos, de forma que estes últimos chegaron a alugar terras para plantar e trocar alimentos por munición e armas cos negros. Atribueselle a Zumbi unha grande intelixencia e habilidade para guiar ao seu pobo, tanto na fronte de batalla coma na administración do Quilombo.
A fin
[editar | editar a fonte]Ante esta prosperidade, a coroa tiña que tomar algunha medida imediata para afirmar o seu poder na rexión. Nunha carta á coroa portuguesa, o gobernador-xeral da rexión confesa que os Quilombos eran máis difíciles de vencer mesmo que os holandeses.
Despois de varios ataques relativamente infrutiferos contra o quilombo, o gobernador-xeral contratou o experientado bandeirante Domingos Jorge Velho para conter e exterminar dunha vez a ameaza dos escravos fuxitivos na rexión. Mesmo Jorge Velho tivo grandes dificultades para vencer as tácticas dos quilombolas, máis elaboradas que as dos indios contra os cales loitara. Tamén atopou problemas para solucionar a inimizade criada cos colonos da rexión, xa que moitos foron atracados polas súas tropas.
En xaneiro de 1694 despois dun ataque frustrado, o seu exército comezou unha campaña vitoriosa que rematou coa morte de Zumbi o 20 de novembro de 1695, despois dunha emboscada. Zumbi foi decapitado e a súa cabeza exposta coma un troféo.
A resistencia de Palmares continuou despois durante algúns anos, con pequenos focos de guerrilla. En 1710 foi completamente erradicado.